Friday 05 de July de 2024

A Xunta destaca o valor das sociedades de fomento forestal para un aproveitamento sustentable e multifuncional do monte


O director xeral de Ordenación e Produción Forestal impartiu dúas charlas informativas sobre as SOFOR en Agolada (Pontevedra) e O Irixo (Ourense)

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, impartiu dúas charlas informativas sobre as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) en Agolada (Pontevedra) e O Irixo (Ourense). En ambos casos explicoulles aos veciños interesados as vantaxes desta figura, con vistas á súa posible posta en marcha no futuro.

As SOFOR son agrupacións de propietarios forestais que ceden a xestión das súas parcelas a unha sociedade mercantil de responsabilidade limitada, constituída por eles mesmos, co obxecto de que esta leve a cabo unha xestión forestal conxunta.

Esta figura, tal como explicou o director xeral, está aberta a unha xestión multifuncional do monte, de forma que pode haber SOFOR orientadas aos aproveitamentos madeireiros, pero tamén aos de pastos, froitos, cogomelos, etc.

Fernández-Couto defendeu que esta figura presenta diferentes vantaxes: En primeiro lugar, o feito de ser propia do dereito privado, con regulación mercantil específica; en segundo termo, que a súa finalidade non se restrinxe unicamente á prevención de incendios forestais, senón que vai máis alá, buscando a posta en valor do monte e o aumento da renda agraria.

O director xeral indicou tamén que as SOFOR teñen ao seu favor a adscrición sempre voluntaria dos propietarios; permítese, ademais, capital privado investidor só no capital social (poden coexistir socios propietarios con outros capitalistas); garántese o dereito de propiedade dos socios, que só ceden os dereitos de uso e a venda de produtos por aproveitamento forestal pode facerse de maneira directa desde a sociedade.

Modelo voluntario
O modelo das SOFOR, voluntario e de responsabilidade limitada ás aportacións para os socios, está baseado no mantemento da propiedade por parte dos titulares dos terreos, que unicamente aportan o uso dos mesmos á sociedade; cun obxecto social especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto.

O director xeral lembrou que lograr unha explotación económica rendible do monte convértese nun factor imprescindible para facer posible unha xestión sostible das superficies forestais de propiedade privada. Este obxectivo resulta de difícil consecución se temos en conta a estrutura da propiedade e a organización do monte de particulares en Galicia, que se caracteriza por unha excesiva fragmentación.

Fernández-Couto defendeu como evidente o feito de que para acadar unha explotación económica rendible e sostible do monte é fundamental dispoñer dunha superficie mínima adecuada e, para conseguir isto, é imprescindible o impulso e fomento, desde as institucións públicas, das actuacións de concentración, xa sexa da propiedade forestal, xa sexa da xestión da mesma. Neste contexto, considérase que a figura societaria de responsabilidade limitada se adapta adecuadamente ás necesidades de xestión do monte galego. Trátase, ademais, dunha figura que permite unha diferenciación clara e unha articulación flexible entre propiedade e xestión.